Monday 29 de April de 2024

O PSOE de Ordes propón unha campaña para promover que as persoas propietarias coloquen microchips aos seus cans


O PSOE de Ordes propón que o Concello efectúe unha campaña informativa para promover a colocación de microchips aos cans que carezan de tal elemento identificador. A moción preséntase para o seu debate e votación no vindeiro pleno municipal.

O portavoz socialista de Ordes, Alejandro Manteiga, sinala a conveniencia de que as persoas propietarias das mascotas regularicen a súa situación no caso de que non dispoñan de microchip: “é doado atopar polas nosas rúas cans que claramente son mascotas extraviadas, moitas incluso con colar pero sen microchip identificador”.

Os socialistas sinalan que un procedemento tan rápido, inocuo e asequible como a colocación do chip identificador é positivo tanto para o propietario, posto que facilita atopar o animal no caso de perda, como para o Concello, que evita ter que facerse cargo do animal e o labor de buscar o seu posuídor ou posuídora.

O PSOE ordense cre que o Concello debería impulsar a campaña informativa, coa colaboración da Policía Local, expoñendo ademais o contido da lei autonómica de protección e benestar dos animais de compañía aprobada o pasado outono. Esta norma establece obrigas e responsabilidades para as persoas que teñan mascotas e outorga ás administracións públicas o deber de “realizar un intenso labor de información, educación e sensibilización á cidadanía”. O texto autonómico tipifica como infracción grave que un can careza de microchip identificador, o que implica sancións económicas de ata 500 euros.